Friday 10 de May de 2024

A Xunta destaca a importancia da prevención e autoprotección para facer fronte ás emerxencias


O director de Emerxencias e Interior, Luis Menor compareceu hoxe en sede parlamentaria onde explicou as actuacións por un posible accidente nunha instalación Seveso

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor compareceu hoxe en sede parlamentaria onde destacou a importancia da prevención e autoprotección para facer fronte ás emerxencias.

Luis Menor indicou que o vindeiro ano, dende a Dirección xeral de Emerxencias e Interior seguirase cos traballos de implantación dos plans, co impulso da instalación das sirenas de aviso, o deseño e execución das campañas de información á poboación, a formación aos intervenientes en caso de accidente, e a dotación de recursos adscritos aos plans, e destacou a importancia dos simulacros e exercicios, coa colaboración das autoridades locais, nos que se fai soar os sistemas de aviso á poboación para que aqueles que puideran atoparse nas zonas de afección, recoñezan o son das sirenas.

Desde a Xunta de Galicia, hai unha decidida aposta pola prevención, programando simulacros e exercicios de continuo, dende o ano 2011, no que se activou por primeira vez a sirena de aviso do Plan de Emerxencia Exterior de Punta Promontoiro, que veu precedida das campañas informativas aos cidadáns do entorno. Posteriormente os simulacros do Plan da Grela-Bens en Coruña y Arteixo, de Syngenta en Porriño e Mos, o simulacro xeral do Plan de Punta Promontoiro, o simulacro de activación do Plan de Cepsa Maside. Este mes estanse a levar a cabo probas das sirenas adscritas a distintos plans de emerxencia exterior. Previamente, e co obxectivo de que a poboación recoñeza que non se trata dunha emerxencia real, e se familiarice co seu son, se realiza unha campaña informativa nas zonas do entorno a través de notas de prensa, bandos municipais e buzoneo, incluíndo de novo as recomendacións de autoprotección a adoptar en caso de emerxencia real. O día 3 de novembro se activou en Foresa-Caldas, o día 5 en Cepsa-Maside, o día 12 en Porriño e Mos, no establecemento de Syngenta, e a primeiros do mes de decembro está previsto activar as sirenas da Grela-Bens e a sirena de Punta Promontoiro.

Na mesma liña, Luis Menor explicou que a finais do mes de setembro, foi publicado un novo real decreto que regula as medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas, e que incorpora ao noso ordenamento xurídico a Directiva 2012/18/UE, coñecida como a SEVESO III, que ten coma obxecto a prevención de accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas, así como a limitación das súas consecuencias, coa finalidade de protexer ás persoas, os bens e o medio ambiente. Este novo texto reforza as disposicións relacionadas co acceso do público á información, engadindo que deberá subministrarse de xeito electrónico información continua sobre tódolos establecementos afectados, información que terá que actualizarse continuamente.

Plans de emerxencia exterior
Doutra banda, para os establecementos nos que estean presentes substancias perigosas deberán dispor de plans de emerxencia exterior, que teñen que establecer medidas de prevención e información, así como a organización e os procedementos de coordinación dos medios e recursos da propia comunidade autónoma, doutras Administracións públicas e de entidades públicas e privadas, co obxecto de previr e, no seu caso, mitigar as consecuencias destes accidentes sobre a poboación, o medio ambiente e os bens que poidan verse afectados.

Galicia conta con nove plans de emerxencia exterior, que constitúen a ferramenta para por en marcha tódolos medios de seguridade con obxecto de protexer ás persoas, bens e contorno. Coma así sucede por exemplo no caso de Plan de emerxencia exterior de Punta Promontoiro, que abrangue os establecementos de Reganosa e Forestal do Atlántico, ou o caso do Plan do Polígono da Grela Bens, que contempla as medidas a adoptar en caso de accidente que puidera suceder na refinería, na distribuidora de CLH ou ben nos depósitos de Repsol Butano.

Como parte dos procedementos do plan de emerxencia no caso dun incidente, o sistema de avisos ten por finalidade alertar á poboación e informala sobre a actuación máis conveniente en cada caso, e sobre a aplicación doutras medidas de protección. A alerta a poboación se realiza preferentemente mediante a rede de sirenas e megafonía fixa. Ademais, en todos os plans de emerxencia, contase con sistemas de megafonía móbil a utilizar polo grupo operativo de loxística e seguridade.

Para garantir que a poboación está debidamente informada, máis aló dos cinco anos que establece a normativa, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior traballa en dúas direccións; dunha banda, ten a disposición do público a través da súa web a información relativa aos plans de emerxencia exterior, recollendo tódolos datos que debe dispor a cidadanía respecto o risco destes establecementos afectados pola normativa SEVESO, podendo tamén consultar en todo momento as recomendacións á poboación en caso de accidente de tipo químico. Doutra banda, programa simulacros e exercicios, coa colaboración das autoridades locais, nos que se fai soar os sistemas de aviso á poboación para que aqueles que puideran atoparse nas zonas de afección, recoñezan o son das sirenas.